Dúas das miñas afeccións

Dar un tranquilo paseo, preferiblemente por un camiño non moi transitado; encerellarme probando a ver se dou feito algo que antes non probara a resolver; descansar os días de calor baixo unha árbore que dea boa sombra; catar un rico xantar, no que non falte unha saborosa sobremesa; escoitar o ameno falar de quen ten algunha boa historia que contar...

Son bastantes e variadas as cousas que me gustan, as miñas afeccións. Aínda que aquí vou limitar a referencia a só dúas delas: a fotografía e mais o motociclismo.

A primeira, coa chegada dos sistemas dixitais, é unha afección da que a súa práctica resulta hoxe máis barata que antano. E unha vez que se conta con cámara, non é máis que decidirse e, cando hai algo de tempo dispoñible, poñer en práctica a afección.

A segunda non a práctico na súa faceta deportiva, que si me gusta seguir, aínda que sen ser seareiro de ningún equipo. Os meus gustos inclínanse máis por valorar as formas de manexar dos pilotos, e non me chama tanto valorar as excelencias das máquinas sobre as que cabalgan. De todos modos, son consciente de que se non hai boa conxunción entre moto e piloto, e un equipo que funcione, no mundo da competición motociclista é imposible acadar o éxito.

O que me gusta moito é dar paseos en moto cando o tempo é agradable. Saír sen rumbo fixo, a ritmo tranquilo, por estradas secundarias e descubrindo novos lugares é algo que sempre presta, aínda que en non poucas ocasións haxa que facer algunha parada momentánea se o paseo é contra o final da tarde, cando un se atopa ocupando a calzada as vacas que van de retirada para as súas cortes.

Pois ben, como antes comentei, limítome a deixar constancia aquí de que tanto a fotografía como o motociclismo son dúas das miñas afeccións.

Bandeira_Galicia.gif     A páxina de Xosé Luís   Logo_Cabarcos_-_276601_-_favicono.gif

2014-2024 © Xosé Luís Cabarcos Bermúdez     Logo_Cabarcos_-_276601.gif

2014 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos